Wednesday 01 de May de 2024

A Xunta inicia as obras de reconstrución dun muro da estrada AC-550 ao seu paso polo concello de Porto do Son


Esta actuación contará un orzamento de case 200.000 euros

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, iniciou as obras de reconstrución dun muro na estrada AC-550, ao seu paso polo municipio coruñés de Porto do Son. Esta actuación, que foi adxudicada á empresa Construcciones Ponciano Nieto S.L., contará cun orzamento de case 200.000 euros e estará rematada no mes de xullo, sempre que as condicións meterolóxicas o permitan. Posteriormente, comezarán a construír unha baranda, que suporá unha afección mínima ao tráfico dado que se coloca no acceso á praia.

As obras teñen por obxecto principal a reparación do muro de contención existente na marxe dereita da estrada, entre os puntos quilométricos 89+390 e o 89+440, no acceso á praia de Arnela. Concretamente, as actuacións que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), consisten na demolición do actual muro de formigón e a súa posterior reposición.

Para a execución destas tarefas será necesario desmontar o recheo actual ata o eixe da estrada, ademais proxectarase unha pasarela peonil de forma que dará continuidade a outro treito de pasarela executado o ano pasado polo Concello de Porto do Son.

O total das obras terán unha duración de menos de 5 meses, aínda que a reparación do muro poderá estar rematada no mes de xullo. Así mesmo, co fin de minimizar a afección ao tráfico en verán, está previsto, en primeiro lugar, demoler e repoñer o muro e reafirmar, unha vez rematen estes traballos, comezarán a executar a baranda.

Para facer o novo muro é imprescindible sanear o terreo actual e derribar un carril completo, polo que será necesario establecer un treito de 200 metros no que só se permitirá o tráfico alternativo. Este desvío establecerase a mediados da próxima semana.